Debido a problemas técnicos na plataforma, ampliase ata o 5 de novembro ás 12:00 h. o prazo para a presentación de fotografías a concurso. Neste intre a plataforma está xa operativa.
V Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”
O concello de Boqueixón convoca a 5ª edición do Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”, coa finalidade de fomentar a creatividade e dar a coñecer ao público en xeral a diversidade e riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do concello.
Bases:
1.Participantes e número de fotografías
Poderá participar no concurso toda persoa física que o desexe e cumpra as presentes bases. Cada participante poderá presentar ata un máximo de tres fotografías.
2.Temática
As fotografías versarán sobre aspectos que reflicten a riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do noso concello, debendo estar tomadas, polo tanto, dentro do termo municipal de Boqueixón.
3.Premios
Entre as fotografías presentadas seleccionaranse doce, e destas, elixiranse as tres gañadoras do concurso. Os premios entregaranse en forma de vale a empregar en calquera establecemento de Boqueixón:
Primeiro premio: VALE DE 200 €
Segundo premio: VALE DE 100 €
Terceiro premio: VALE DE 50 €
As doce fotografías seleccionadas pasarán a ser propiedade do concello de Boqueixón, que se reservará todos os dereitos para o seu emprego, reprodución, e difusión, facendo mención da súa autoría. Estas obras serán publicadas no calendario do 2018 que edita o concello.
4.Inscrición e participación
- A inscrición será online en www.boqueixon.gal: cada participante deberá cumprimentar a folla de inscrición e enviar as fotografías en formato .JPG nun arquivo que leve o nome do título da fotografía, cunha resolución mínima de 2000×1500 px.
- O autor/-a das fotografías asume calquera responsabilidade derivada da aparición de persoas recoñecibles na mesma.
- O prazo de presentación dos traballos remata o 3 de novembro de 2017.
- A organización presupón que os/-as participantes que inscriben as obras presentadas posúen os dereitos das mesmas. En calquera caso, a organización exímese de calquera responsabilidade derivada da infracción desta base.
- Todas as fotografías que tomen parte neste concurso serán susceptibles de ser empregadas na promoción turística do concello de Boqueixón e pasarán a formar parte do seu arquivo fotográfico.
5.Xurado, fallo e entrega de premios
Un xurado determinado polo concello de Boqueixón revisará as fotografías e fará público o seu fallo o día 16 de novembro, a través do taboleiro de anuncios do concello, en www.boqueixon.gal e individualmente aos doce autores/-as seleccionados e aos tres premiados/-as. Este fallo será inapelable.
Os premios recolleranse na casa do concello na última semana do mes de novembro.
6.Aceptación das bases
A organización reservase a facultade de resolver calquera continxencia non prevista nas bases. A concorrencia a este concurso implica a aceptación das presentes bases.
Máis información no Servizo de Arquivo e Biblioteca de Boqueixón
(Teléfono: 981.513.061)
INSCRICIÓN V CONCURSO DE FOTOGRAFÍA “Paisaxes de Boqueixón”