Toponimia

Significado do nome do concello de Boqueixón e das súas parroquias Campaña Toponimízate 2017 Secretaría Xeral de Política Lingüística – Real Academia Galega

BOQUEIXÓN

Cabeza Quiles (2000: 75) vincúlao co Pico Sacro e máis concretamente coa existencia dunha boca tallada na rocha do monte. Estase a referir ao paso de San Xoán da Cova, fenda de 117 m. de desnivel que chega ata o río Ulla.
Seguramente esta hipótese que relaciona boca con Boqueixón sexa un tanto aventurada, pero o certo é que topónimos como Boqueiro e Boqueira son abundantes en Galicia para referirse a ocos ou buratos polos que se atravesa unha parede, unha montaña rochosa, ou por onde entra ou sae a auga dunha poza ou canle.
As denominacións de carácter metafórico non son alleas á nosa toponimia, a miúdo vemos nomes de lugar cuxa formación inclúe boca, cabeza, costa ou lombo, coma A Boca da Ovella (Mondoñedo, LU); A Boca do Inferno (Lobios, OU) Cabeza de Lobo (Ordes, CO); Lombo da Besta (Muíños, OU), Lombo de Can (Carnota, CO)…

CODESO

O fitotopónimo creouse a partir do fitónimo codeso, denominación da planta arbustiva (Adenocarpus complicatus). O nome da planta procede do latín cytisus a través da forma do latín vulgar *cutisus.
O rexistro máis antigo do topónimo podería ser o presente nun documento do 914 (Martínez Lema 2010: 142- 144).
A motivación do topónimo con seguridade terá un mero valor abundancial, isto é, un lugar onde abundan este tipo de arbustos.

DONAS

A forma plural Donas vén do latín medieval domna, redución da forma clásica domina ‘señora’.Este termo na Idade Media era sinónimo de monxa, freira.
Poderá facer referencia ás fundadoras ou propietarias das fincas e poboados, que foron a orixe da actual parroquia.

GASTRAR

O topónimo poderá proceder do antropónimo de orixe xermánica Wistrarius/Vistrarius, formado polo gótico *wistr– ‘oeste’ e -arius, do gótico harjis ‘exército’.
Na documentación medieval rexístrase o antropónimo como Uistrario, Guistrari ou Guistrario. Como topónimo achamos un conf. Petrus Saluatoris de Guistrar (1226) e un Petrus Martini de Guestrar (1322) na documentación do Tombo de Toxos Outos.

A GRANXA

Granxa deriva do latín vulgar *granica, adxectivo de grana ‘gran’, a través do francés grange e do termo medieval grangia.
Dinos Gozalo Navaza que, na Idade Media, unha granxa ou graña (termos con moita presenza na toponimia) era unha explotación agrícola dependente dun mosteiro, dedicada sobre todo ao cultivo de cereais.

LAMAS

O topónimo responde claramente ao plural de lama, voz latina ou prelatina co significado de ‘charco, pantano, lodazal’. Na opinión de Menéndez Pidal é de probable orixe ligur-ilírica.
Segundo Gonzalo Navaza, Lama é un substantivo de orixe prerromana moi presente na toponimia de Galicia, que co seu valor xenérico designa ‘terreos húmidos’.
Nalgunhas áreas galegas lama e o seu derivado lameiro pasaron a adquirir un significado equivalente ao de prado.

LEDESMA

  • Edelmiro Bascuas considera que estamos ante un termo paleoeuropeo derivado de Bletisăma > *Letisĭma > Ledesma.
  • Abelardo Moralejo di que o termo remontaría a dúas formas antigas: Led(a)isama, presente en moedas celtibéricas, e Bletisam(a), nunha inscrición latina relativa a unha Ledesma salmantina. Considera o autor que a segunda forma debe ser precéltica pola súa consonante inicial, xa que remontarían ambas as dúas ao superlativo *pletisama ‘moi chá, sen desniveis’, cuxo p- debía eliminarse no céltico.
  • Juan Moralejo considera que Ledesma é un topónimo en superlativo, ‘terra moi ampla, moi ancha’.

LESTEDO

O fitopónimo ten a súa orixe na planta gramínea chamada lesta (tamén denominada antosanto oloroso – Anthoxanthum odoratum) mais o sufixo abundancial -edo < -etum latino.
Pola súa banda, lesta é de orixe incerta. Para Corominas sería unha disimilación de aresta (dunha herba aresta > herba lesta).
Outros investigadores emparentan lesta co vasco lasto ‘palla’, polo que consideran o termo de orixe prerromana, quizais dun *lista.

LOUREDA

O nome da parroquia constitúe un fitotopónimo. Provén do latín clásico laurus ‘loureiro’ mais o abundancial -eta > -eda ‘lugar onde abundan os loureiros’.
As formas presentes no CODOLGA rexistran a evolución fonética completa do topónimo Laureta, Laureda, Loureta, e Loureda.

OURAL

Sobre a orixe do topónimo o primeiro que debemos dicir é que, con moita seguridade, non representa un derivado de ouro nin do latín aura ‘brisa’, como teñen proposto algúns investigadores.
Edelmiro Bascuas afirma que Oural é un derivado dunha raíz hidronímica prelatina *aura ‘auga’ mais o sufixo -al (que indica o lugar onde abunda algo).
Rexistrámolo na documentación como Aural (914) e Sancta María de Oural (1152).

POUSADA

O termo procede do latín pausata ‘pousada’ (participio do verbo latino pausare), lugar en que se fai unha pausa no camiño (hospedaxe) e se ‘pousan’ os fardos.
Os dicionarios definen o substantivo pousada como ‘hospedaxe de características modestas onde habitualmente se aloxa xente que vai de paso‘, polo que, se existiu algunha pousada na parroquia, puido ser esta circunstancia á que podería ter motivado o topónimo.
Noutros casos, a coincidencia do substantivo co apelido Pousada pode levarnos a tentar documentar historicamente este apelido na parroquia e barallar un topónimo de posesor.

SERGUDE

Joseph Piel deriva o topónimo do antropónimo Sisegutus / Sisegudus / Sesguto. A raíz Ses- emparéntase co xermánico sisu ‘canto fúnebre’, orixinariamente ‘encantamento, maxia’; a transformación Ses- en Ser- produciuse por rotacismo. No parecer do estudoso, o segundo elemento tería a orixe en wulthus ‘magnificencia’.
No CODOLGA rexistramos o topónimo nun documento do mosteiro de San Martiño Pinario, documento en que tamén aparecen outros topónimos do concello: de Sancto Felice modium unum; de Lestedo modium unum; de Sergudi modium unum; de Lamas quartarios tres; de Uigo modium unum (ca. 914).

SUCIRA

Edelmiro Bascuas considera que o étimo do topónimo témolo na expresión *Sub-cira ‘ao pé do (monte) Cira ou ‘debaixo do monte Cira’.
O termo Cira viría, segundo este autor, dunha raiz *Kei ‘cor’ mais -ria, que daría lugar a un suposto *Ciria, do que derivaría Cira, parroquia de Silleda.

VIGO

A etimoloxía do nome da parroquia achámolo no substantivo latino vicus ‘vivenda rural, rúa, aldea, poboado’.

 

Vicente Feijoo Ares

Responsable de Toponimia no Seminario de Onomástica da RAG

Uso de cookies

Informámoslle de que esta web usa cookies. Faga click na nosa política de cookies, para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies