Historia

Historia do Pico Sacro
O Pico Sacro foi venerado polos habitantes da comarca, antes e despois do cristianismo

Prehistoria e Historia Antiga: O significado do Pico Sacro como centro sagrado para os antigos habitantes de Galicia debeu ser de primeira magnitude, aínda que os restos que chegaron ata nós son escasos, non podendo, na situación actual das investigacións, chegar a conclusións máis concretas.

Están catalogados castros e mámoas prehistóricos nas proximidades e na mesma serra do Pico, pero sen que se poida determinar a súa relación exacta.

 

Historia do Pico Sacro
Fenda que divide o cumio, e que leva o nome  de Rúa da Raíña Lupa

Algúns historiadores aseguran que as primeiras fontes escritas que nos falan do noso Pico Sacro son de orixe romana. Así, o nome que lle deron os romanos, e primeiro do que temos constancia, foi o de Monte Illicino do que hai distintas teorías sobre o seu significado. Unha destas teorías identifica Illicino coas aciñeiras. Tendo en conta que druída, o sacerdote celta, significa en grego home das aciñeiras, os romanos reflectirían con este nome o carácter sagrado que o noso protagonista tería para os antigos habitantes da Gallaecia.

 

O Monte Sacro pertenceu ao longo do período romano ao convento xurídico (provincia) de Lucus Augusti (a actual Lugo). Dende a capital de provincias partían toda unha serie de vías ou calzadas inprescindibles para articular o territorio favorecendo o comercio, o traslado de tropas, de novas… Unha destas vías, a número XIX, que unía Lugo con Iria Flavia e Bracara Augusti (Braga no actual Norte de Portugal), que era a outra capital provincial da antiga Gallaecia, pasaba moi cerca do Pico polas parroqias de San Fins (Vedra) e Sergude, Lamas e Gastrar (Boqueixón). Desta vella calzada romana chegounos un miliario que se atopou na aldea da Gándara, entre San Fins e Sergude, depositado no museo de arte sacro de Compostela. A súa finalidade sería parecida aos actuais postes quilométricos pero engadindo máis informacións, coma o ano de realización ou o emperador que gobernaba (neste caso Calígula).

Historia do Pico Sacro
Unha das dúas entradas á cova do Pico Sacro

Outro resto da vía XIX é a chamada ponte Busacos, próxima ao lugar onde apareceu o miliario, se ben da contrución orixinal só chegaron ata nós algunha parte do baseamento.

 

O Imperio Romano non deixou de lado as riquezas mineiras da nosa terra, xa que estas constituían un dos motivos principais da súa chegada ó noroeste peninsular.

Escravos ás ordes romanas serían os encargados, segundo a historiografía tradicional, de abrir as famosas e lexendarias covas do Pico en búsqueda de materiais preciosos. A chamada Rúa da Raíña Lupa, impresionante trincheira de 2 m de ancho por 6 de alto, próxima ás covas, sería aberta para facilitar o traslado de materiais á ladeira sur do Pico con dirección ao río Ulla e logo xa nos portos costeiros cara a metrópole.

Historia do Pico Sacro
A outra entrada á cova do Pico Sacro

Esta teoría está actualmente descartada, despois do rigoroso estudo que levaron a cabo os membros do Clube de Espeleoloxía Maúxo, que publicaron un interesantísimo libro que se pode consultar nesta mesma web. Para os técnicos deste club, a orixe das covas, da rúa da raíña Lupa e doutros elementos xeolóxicos no Pico sería de orixe xeolóxica e natural.

 

Historia do Pico Sacro
O bispo Sisnando I ordenou construír un mosteiro no alto do Pico

Idade Media: Tralos romanos chega un período escuro, sen case noticias de ningún tipo, que se superará a comezos do século IX ao atoparse a suposta tumba de Santiago. O Monte Illicino, convertido agora en Monte Sacro será utilizado para explicar a “traslatio” do corpo do Apóstolo ata o seu emprazamento actual. O seu papel, nun feito de tal calibre, só é explicable polo prestixio e veneración que tiña na época.

A relación xurdida entre o Monte Sacro e Compostela fixo que o terceiro bispo compostelán, Sisnando I, construíra un mosteiro no Pico, o de San Sebastián, e outro no outro extremo da serra, ao lado do río Ulla, o de San Xoan da Cova.

Comeza así a que pode ser considerada a idade de ouro do Monte Sacro, xa que ámbolos mosterios servían como albergues de peregrinos, en auxe neste período, que se achegaban a Compostela pola chamada Ruta da Prata que percorría a ladeira sur do Monte Sacro.

A peculiar situación do mosteiro de San Sebastián, preto do cumio, nun lugar con abundante cuarzo , aberto aos ventos e de clima especialmente duro, o que facía imposible o cultivo da terra, fixo que o mesmo bispo Sisnando mandara construír, no primeiro sitio fértil, unha granxa para que os monxes puideran traballar a terra. Esta é a orixe da actual aldea da Granxa, a máis próxima ao cumio do Pico. Xunto coas construccións propias da labranza construíuse unha capela adicada a San Lourenzo que co tempo substituiría á de San Sabastián como igrexa parroquial.

A vida da comunidade monástica foi convulsa debido á súa posición estratéxica de entrada na cidade de Compostela e á disputa entre os dous grandes poderes feudais: o eclesiástico e o nobiliario. A tranquilidade monástica foi alterada moi pronto coa contrución dun castelo no mesmo cumio do Pico, substituíndo a unha anterior e fugaz capeliña.

Historia do Pico Sacro
A Capela de San Sebastián é o único resto que queda do antigo mosteiro

O mosteiro será reedificado nalgunha ocasión ata que finalmente desapareza, quedando só a actual capela de San Sebastián.

No cumio permanecerá a fortaleza ata que a revolución popular dos irmandiños do século XV a destrúa. Poucos anos despois, calmada a situación, ergueuse de novo outra fortaleza por orde do arcebispo Alonso de Fonseca, para defenderse da casa de Altamira asentada na torre de Cira.

Esta fortaleza foi progresivamente abandonada ata que no século XIX as pedras foron empregadas para outros fins. Os restos da planta e do alxibe aínda son visibles hoxe en día no mesmo cumio.

Historia do Pico Sacro
Arco románico que precede  ao altar da capela do Pico Sacro

O mosteiro de San Xoan da Cova perdurou bastante tempo a pesar de sufrir distintos saqueos, por exemplo dos viquingos que atacaban remontando o río. O infortunio cebouse co mosteiro no século XVI, xa que a un andazo de peste se lle uniu unha grande inundación que provocou a destrución das dependencias monacais.

A desaparición dos mosteiros fixo necesarias novas edificacións para a axuda ao peregrino que se achegaba a Compostela. Con este fin xorde no século XVII a capela do Santiaguiño e a Fonta do Santo, cunha casa anexa ao coidado dun ermitaño, en San Pedro de Vilanova (Vedra). O lugar da construcción é especialmente significativo xa que é o sitio onde, segundo a tradición e lendas, os discípulos do Apóstolo se atoparon cos bois bravos que finalmente trasladarían o corpo do santo.

Historia do Pico Sacro
Imaxes humanas e animais que rodean a saeteira da Igrexa de San Lourenzo da Granxa

Concello de Boqueixón.Política de privacidade. Política de Cookies. Ferramentas de privacidade