Concello de Boqueixón Concello de Boqueixón

Venres, 10 de Setembro de 2010
  • JoomlaWorks Simple Image Rotator
  • JoomlaWorks Simple Image Rotator
  • JoomlaWorks Simple Image Rotator
  • JoomlaWorks Simple Image Rotator
  • JoomlaWorks Simple Image Rotator

PARROQUIA DE SERGUDE

PDF Imprimir E-Mail
Martes, 24 de Outubro de 2006
Pico Sacro dende Sergude
Vista do Pico Sacro dende Sergude, a parroquia máis extensa e máis poboada de Boqueixón

É a parroquia máis extensa, con 9,4 Km2., e habitada do concello (893 hab.). Localízase na ladeira nordeste do Pico Sacro formando un pequeno val arredor do río Pereiro. As súas fértiles terras adícanse a prado e á produción agrícola. Ben comunicada coa capital de Galicia a través da N-525 e pola AC 960 Santiago-Vila de Cruces. Consta de doce entidades de poboación: Deseiro de Abaixo, Deseiro de Arriba, A Eirexe, Gándara, Lamas, Mareque, Noenlle, Pumares, Quián, Rodiño Grande, Rodiño Pequeno e Vilar.

Igrexa Parroquial de San Breixo de Sergude

Igrexa Sergude
Igrexa Parroquial de San Breixo de Sergude

 

As primeiras referencias documentais sobre este templo datan do ano 1632, nas que xa se describe o seu estado ruinoso. Isto motiva a súa reconstrución, que se levará a cabo na primeira metade do século XVIII. Iníciase coa capela maior en 1701, reformando o anterior presbiterio en paredes, bóvedas e caleados. Dende 1729 a 1750 levántase o novo corpo, que adopta forma de cruz latina, capelas laterais, capela maior e, por último, a torre coas técnicas, materiais e proporcións do Barroco. No seu interior apenas presenta decoración. Chaman a atención as voluminosas placas xunto ás molduras do entaboamento que o recorren, e que dan ao edificio unha plasticidade e movemento típico do estilo imperante neste momento histórico.
Non obstante, a fachada e a torre responden a criterios historicistas cun deseño austero, sinxelo e sen ornamentos.
· Retablos: Retablo Maior, Retablo do Santo Cristo e Retablo de Ánimas.
· Imaxinaría: Nosa Señora do Rosario, San Ramón, San Antonio de Padua, A Sagrada Familia, San Gregorio, San Breixo, Crucificado, San Roque, San Antonio Abad, Inmaculada Concepción, Sagrado Corazón de Xesús, San Bieito e San Miguel.

Capela de San Bieito

Capela en Sergude
Capela de San Bieito, en Rodiño. Ao seu carón celébrase cada segundo domingo de mes unha feira-mercado

 Atopamos esta capela, edificada na segunda metade do século XIX, integrada nunha carballeira de gran beleza, a carón de onde se celebra a Feira Mercado de Rodiño os segundos domingos de cada mes. Presenta planta de salón, destacando a súa sinxeleza, xa que carece de ornamentación tanto no seu interior como no exterior, con muros desprovistos de decoración e lisos propios da arquitectura historicista.

· Imaxinaría: San Bieito.

Cruceiro Parroquial

Cruceiro en Sergude
Cruceiro  de Rodiño

 

Situado no campo da festa, ten plataforma cuadrangular e pedestal cúbico con remates en chafráns. Varal octogonal, capitel cadrado moldurado e cruz romboide con remates floreados con motivo circular de Corpus. Todo en granito.

Cruceiro de Rodiño

No lugar de Rodiño Grande, no campo da festa de San Bieito atopamos este cruceiro de granito con plataforma cuadrangular e pedestal cúbico con remates en chafráns. Varal octogonal, capitel cuadrangular moi moldurado e cruz romboide con remates floreados e motivo circular de Corpus no centro dos brazos.

Cruceiro de Quián

Cruceiro de estilo rústico. Entre pedras que substitúen á plataforma, xorde o varal octogonal con pequeno pedestal. Sen capitel e cruz octogonal con remates floreados.

Pazo de Quián

Antiga residencia da familia dos Campuzano, está ocupado hoxe polo Centro de Formación e Experimentación Agraria, quedando en pé un edificio con torre con ameas e unha capela unida de estilo neoclásico e planta rectangular.

Ponte de Busacos

Ponte romana situada no lugar de Gándara que divide e da paso, respectivamente, aos concellos de Boqueixón e de Vedra. Consta de dous arcos, un de medio punto e outro apuntado. Por el discurre unha das máis importantes rutas de peregrinacións a Compostela: A Ruta da Prata.
 
Parroquia de Sergude
Local Sociocultural de Sergude
Parroquia de Sergude
Pazo de Quián, actualmente sede do Centro de Formación e Experimentación Agraria de Galicia
Parroquia de Sergude
Detalle do campanario da igrexa parroquial de Sergude
 
 

 

 
Voluntariado Galego
TEMPO EN BOQUEIXON
TRANSPORTE METROPOLITANO
BOQUEIXOVE
Concello de Boqueixón
© 2010 Concello de Boqueixón
Aviso Legal
Portal Cofinanciado por: