Local Sociocultural de Ledesma
Parroquia bañada na súa integridade polo río Ulla que lle outorga gran fertilidade ás súas terras adicadas á produción agrícola e gandeira. Pola súa situación conta cunha importante historia, zona de paso no tempo dos romanos, priorado visitado polos arcebispos de Compostela e escenario de loita contra os franceses. Os seus 323 habitantes viven nas poboacións da Baiuca, O Castro, Ledesma, O Monte, Noente, A Ponte, Vila e Vilar, que ocupan unha superficie de 2,70 Km2. Dispón de boas comunicacións internas e a súa parte occidental está cruzada pola AC-640, que comunica Santiago con Vila de Cruces. Igrexa Parroquial do Divino Salvador de Ledesma
Igrexa Parroquial de Ledesma
Esta igrexa de planta de salón foi obxecto de numerosas reformas durante o século XIX, pero conserva a estrutura dos muros derivados da gran reforma iniciada en 1752. A nave está cuberta con madeira a tres augas e a cabeceira con bóveda de canón. A súa fachada rompe o esquema clásico pentagonal, pois o remate triangular presenta tres lados. A parte central serve de apoio á espadana cuadrangular dun só corpo con dous arcos de medio punto peraltados entre machóns nos que se colocan as campás. Como remate, tres pináculos, o central montado sobre un cilindro. · Retablos: Retablo Maior, Retablo da Inmaculada e Retablo da Nosa Señora do Carme. · Imaxinaría: Divino Salvador, San Xosé, Virxe do Rosario, San Roque, San Pedro, San Francisco de Asís, Cristo Crucificado e San Antonio de Padua Cruceiro de Vila
Plataforma cuadrangular con pedestal e varal cadrados con chafráns na que destacan motivos peregrinos: cruz, vieira, etc.. Capitel troncocónico invertido con reberete. Cruz rectangular con motivo da Paixón: a escada. No anverso, o Crucificado, no reverso, sen imaxe. Cruceiro da Ponte Realizado en granito sobre plataforma recente. Presenta pedestal rectangular e varal octogonal. Capitel corintio e cruz rectangular. No anverso, o Crucificado, e no reverso sen imaxe. Ponte Vella de Ledesma
Ponte vella de Ledesma, vista dende a ponte nova As características formais e construtivas permiten atribuír esta ponte aos séculos XVI ou XVII. Á entrada do mesmo e ata o século pasado cobrábase o portazgo. Durante a Guerra da Independencia tivo lugar aquí unha batalla contra o exército francés, a cargo de veciños da comarca dirixidos por varios párrocos e baixo as ordes do Marqués da Romana. Posúe nove arcos, todos eles de cadeirado. As bóvedas apóianse sobre pias de cadeirado con taxamares triangulares augas arriba e trapezoidales augas abaixo. A rasante é case horizontal no seu tramo central, descendendo cara aos accesos. A posibilidade de empregar o río como zona de baño é un atractivo máis a engadir ás características desta singular ponte. Ínsuas de Gres
Situadas a carón da Ponte Vella, as catro illas e varios illotes forman unha das paraxes máis fermosas da comarca. Campo do río, a carón do Ulla
| Detalle de tres dos sete arcos de pedra que compoñen a ponte vella de Ledesma
| O río Ulla forma unha serie de fermosas ínsuas, que se poden visitar ao seu paso por Ledesma
| Vista da calzada da ponte vella
|
|