Unha sucesión de vales e montes orientados cara o río Ullla
A xeomorfoloxía
Os 70 quilómetros cadrados de Boqueixón sitúanse na vertente dereita do Río Ulla, nun sector do curso medio. Este Concello está constituído por unha sucesión de vales e montes que descenden cara o río Ulla. Forma parte do chamado Escalón de Santiago, que é o espazo morfolóxico que se estende dende a Dorsal galega cara ao Océano, coa forma dun peniplano arrasado que descende suavemente de altitude.
A topografía caracterízase pola súa suavidade, rompéndose esta tónica nalgúns sectores con formas máis abruptas e empinadas. Isto sucede no oeste do Concello co afloramento rochoso de metagravos no Monte Castelo (498m) ou no sur co filón de cuarzo da serra do Pico Sacro.
Estes dous promontorios son os de maior elevación en todo o Concello, xunto co Pico Sacro, que alcanza os 534 metros de altitude, atopándose os espazos máis deprimidos na zona sureste na parroquia de Ponte Ledesma ,cunha altura de apenas 60m.
A hidrografía
Como xa dixemos, o concello sitúase na vertente dereita do río Ulla mentres que o seu límite setentrional sitúase na vertente meridional do Monte Amenal, os cales fan de divisoria hidrográfica entre os ríos Ulla e Tambre. Polo tanto, todos os ríos do municipio verten as súas augas no Ulla.
A climatoloxía
A estación meteorolóxica do aeroporto de Labacolla (lindeiro co Concello), e a de Quián (Sergude), aportan os datos estatísticos fundamentais para o coñecemento do clima de Boqueixón.
A influencia oceánica é o trazo máis definitorio deste clima. Deste xeito as temperaturas destacan pola súa suavidade, cunha media anual de 12,8 ºC. A oscilación térmica varía dende os 7,4ºC do mes de xaneiro ata os 18,6 ºC de agosto. O réxime pluviométrico caracterízase polas súas abundantes precipitacións, media anual de 1872,4 mm, repartidas ao longo de todo o ano, é dicir, sen ningún mes seco. O mes máis chuvioso é decembro mentres que en xullo rexístrase o mínimo pluviométrico.
A xeoloxía
O Concello de Boqueixón ten un mapa xeolóxico caracterizado pola división da súa superficie en tres subzonas fundamentais. A primeira, composta por xistos e paragneises da serie de Ordes da época precámbrica, é a máis importante en canto a extensión (parroquias de Ledesma, Sucira, Oural, Pousada, Gastrar e gran parte das de Donas, Boqueixón, Loureda e Vigo).
A segunda subzona caracterízase polo afloramento de rochas básicas que se reduce a esteritas intrusións de anfibolitas. Ao leste de Santiago as anfibolitas adquiren enorme desenvolvemento aparecendo tamén nas parroquias de Lamas, Sergude, Boqueixón e Codeso, por onde alcanzan o río Ulla. O límite sur destas rochas básicas está ben definido polo gran dique de cuarzo do Pico Sacro e a súa serra, que separa as anfibolitas de Sergude e Boqueixón dos xistos granitizados de Vedra.
Por ultimo, a parroquia de Lestedo conforma a terceira subzona con dúas clases de xistos. O primeiro de xisto albítico, mentres que na parte sur da parroquia aparece xisto e gneises da serie de Ordes.
Ademais destas 3 subzonas aparecen, segundo a hidroloxía, diferentes zonas de chairas aluviais e fondos de valgada.
A historia de Boqueixón
Orixe do concello
A creación do Concello de Boqueixón data do século XIX, co tránsito do Antigo Réxime ao Estado liberal.
O modelo organizativo do Antigo Réxime caracterizábase pola proliferación confusa de autoridades das máis diversas especies, con funcións non delimitadas a usanza de hoxe, e actuando sobre unhas divisións territoriais imprecisas e sobrepostas que pouco teñen que ver coa división municipal actual, por non obedecer a unha auténtica división administrativa, senón a unha situación de pertenza.
Os concellos non tiñan en Galicia, por imperativos orográficos e de asentamento da poboación, a tradición que tiñan por exemplo en Castela. Así só contaba con 57 concellos, o que supoñía só unha pequena parte do territorio, quedando entre eles extensas zonas da chamada terra de reguengo. A parroquia suplía esta ausencia e permitía a organización espontánea e vigorosa dos concellos de parroquia, asembleas veciñais para a resolución de problemas comúns.
Coa Constitución de Cádiz de 1812 comezan os intentos de racionalizar e simplificar o panorama organizativo. Galicia queda unificada como única provincia, substituíndo ás sete históricas. A nova Deputación Única propón os criterios que deben seguir os novos términos municipais pero a reacción dos partidarios do Antigo Réxime impediu o seu desenvolvemento.
Co inicio do trienio liberal en 1820 reiníciase o proxecto. Nunha primeira proposta as parroquias do actual Concello de Boqueixón foron integradas no partido xudicial de Santa María a Maior e Real de Sar e á súa vez estarían distribuídas entre os novos concellos de Sar, Vilar, Santa Cruz de Rivadulla, Vedra e Touro. A proposta será rexeitada en 1921, suprimíndose o Partido e o Concello de Sar. Este último é substituído polo de Santa Eulalia de Vigo, que xunto co de Vilar agruparon á maioría das parroquias do actual Boqueixón. A nova organización só durou ata 1823 debido ó retorno de novo ao Antigo Réxime.
O actual organigrama territorial ten a súa orixe en 1833, cando se crearon as actuais catro provincias, os Partidos Xudiciais e os Concellos. O Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 25 de abril de 1836, en base a un Real Decreto da Rexenta Mª Cristina, publica a nova división territorial que afecta a todo o Estado en base a criterios mecanicistas (os concellos non deberían medir máis de catro leguas). O Gobernador Civil da Coruña, Pío Pita Pizarro, adaptará en 1936 o Real Decreto ás circunstancias particulares de distribución da poboación galega, adquirindo a parroquia un lugar central na constitución dos concellos.
A Deputación Provincial da Coruña fixo a proposta de división municipal para o Partido Xudicial de Santiago nese mesmo ano de 1836, onde xa figura o Concello de Boqueixón con quince parroquias (as catorce actuais máis Marrozos, que se unirá en pouco tempo ao desaparecido Concello de Conxo).