Benquerid@s internautas,

Como alcalde de Boqueixón, quérovos dar a benvida a esta verde e máxica terra percorrida polo río Ulla, que fai deste concello un lugar coma poucos para poder disfrutar da paisaxe da Galicia máis tradicional. As súas illas, pontes, fervenzas, muíños.… constitúen de por se, mostras do acervo cultural e natural deste concello preservados pola hospitalidade das súas xentes.

Estamos nunha terra de peregrinación, nos dominios da Raíña Lupa e ao carón do mítico Pico Sacro, referente dos pereginos que percorren a Vía da Prata e o camiño portugués porque aquí atopan, o primeiro lugar, dende onde se divisan as torres da Catedral de Santiago de Compostela. A nosa historia está intimamente ligada á chegada do corpo do Apóstolo Santiago a Galicia, tal e como recolle o Códice Calixtino, catalogándose o noso Pico Sacro como a primeira tumba do Apóstolo.

Pretendo que esta páxina web constitúa unha porta aberta aos viaxeir@s e, por suposto, aos meus veciños e veciñas para conseguir entre tod@s que este espazo sexa unha canle de comunicación fluída e participativa, unha ferramenta eficaz de información e transparencia que contribúa a mellorar a xestión dos servizos municipais e a proxectar Boqueixón ao mundo.

Arriba