O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, xunto coa directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participaron este sábado na entrega dos diplomas acreditativos aos 23 mozos e mozas participantes no programa “Deseñando o teu futuro” promovido polo Concello de Boqueixón.
Esta acción, que se desenvolveu no marco do programa “Deseñando o teu futuro” da Consellería de Política Social, contou coa colaboración de empresas tanto do propio concello de Boqueixón como de concellos limítrofes: Santos, Cocina y Baño, S.L., Casa Casal, Residencia Sta. Olalla, Muebles Ferreiro, S.L., Escola Infantil Municipal Raíña Lupa, Diesel Inyección Milladoiro, S.L., Asociación Pura Raza Cabalo Galego, Tecno Security España, Clece, S.A., Talleres Lestedo, Clínica Veterinaria A Media Lúa, PAC Veterinario Area Central e Merillotes Fotografía.
O programa Deseñando o teu futuro é unha iniciativa de educación non formal para que mozos e mozas de entre 14 e 18 anos poidan realizar pequenas estadías titorizadas en centros de traballo; que serve para aproximar aos rapaces e rapazas galegos ao ámbito sociolaboral coa finalidade de que coñezan a realidade das empresas.
No caso de Boqueixón, as 13 mozas e os 10 mozos participantes realizaron visitas estadías de entre 5 e 15 días de duración en empresas de diversos sectores: hosteleiro, servizos sociais, motor, seguridade, entre outros.
Os participantes recibiron 6 euros ao día, para cubrir os gastos de manutención e desprazamento.